O arteixán Álex Fernández arrinca o Campionato Xunta de Galicia de Karting cun dobre triunfo en As Pontes

O Campionato Xunta de Galicia de Karting 2026 botou a andar a pasada fin de semana no Circuíto Municipal de As Pontes, nunha proba condicionada pola meteoroloxía e cunha inscrición que superou o cento de equipos.
Entre os nomes propios da xornada destacou o arteixán Álex Fernández, que se impuxo con autoridade na categoría Rookie (Vortex). O mozo piloto foi o máis rápido na sesión cronometrada, logrou a pole position e confirmou o seu dominio cunha vitoria nas dúas carreiras disputadas, pechando un fin de semana redondo.
No podio desta categoría acompañárono Carmen Pintor e Lucas Pardo, segundo e terceiro respectivamente, nunha carreira na que Fernández marcou o ritmo de principio a fin.
Con este inicio, o piloto de Arteixo, de só 7 anos, dá un paso importante no seu debut oficial do ano e sitúase como un dos aspirantes a seguir nas próximas probas do calendario autonómico.