O arquitecto Fernández-Albalat, homenaxeado pola RAG e o COAG da Coruña no seu centenario

ACoruñaXa
Un acto recoñecerá o legado do mestre da arquitectura galega o mércores 4 de decembro na sede do Colexio de Arquitectos
andrés fernández albat
30 Nov 2024

A Real Academia Galega (RAG) e a delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) renderán homenaxe a Andrés Fernández-Albalat Lois (A Coruña, 1924-2019) o próximo mércores 4 de decembro, no centenario do seu nacemento. O evento, titulado Andrés Fernández-Albalat. Arquitecto da memoria, terá lugar na sede do COAG na Coruña (rúa Federico Tapia, 64) ás 18:30 horas, con entrada libre.

Andrés Fernández-Albalat foi unha figura clave da arquitectura galega contemporánea, coñecido pola súa aposta por unha arquitectura humanista ao servizo da sociedade. Os seus proxectos deixaron unha fonda pegada cultural e profesional en Galicia, converténdoo nun referente indiscutible do seu tempo.

O acto contará coas intervencións do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; dos fillos do arquitecto, Charo e Andrés Fernández-Albalat Ruíz, profesionais no ámbito do patrimonio e a arquitectura; e de antigos colaboradores e docentes, como Roberto Medín Guyatt, Cristóbal Crespo González, César Portela Jardón e Myriam Goluboff Scheps, vinculados ao Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo (DPAUC) da Universidade da Coruña.

Esta homenaxe, organizada pola RAG e o COAG, conta coa colaboración do DPAUC e da asociación cultural Flor de Santiago, destacando o legado cultural, profesional e humano de Fernández-Albalat como mestre da arquitectura galega.

 

0.16037487983704