O Aquarium Finisterrae achega ao público a diversidade dos invertebrados máis sorprendentes

O Concello da Coruña, a través da súa rede municipal dos Museos Científicos Coruñeses, organiza esta fin de semana unha actividade especial no Aquarium Finisterrae para dar a coñecer de preto a enorme variedade de invertebrados que habitan nos bosques do noso planeta.
As persoas asistentes poderán descubrir en vivo diferentes aspectos da bioloxía de especies tan fascinantes como escorpións, milpés xigante, escaravello goliat, migalas, bolboretas xigantes, insecto folla, insectos pau, cangrexo ermitán dos bosques, cascudas de Madagascar e caracol xigante de terra.
A actividade estará guiada por Miguel Santamaría, biólogo e divulgador científico, e desenvolverase en dóus sesións: o sábado 22 e o domingo 23 de marzo, en horario de 12.00 a 14.00 horas. O taller está dirixido a públicos de todas as idades e non require reserva previa. As persoas interesadas en asistir só terán que aboar o prezo da entrada ao Aquarium Finisterrae correspondente.
Trátase dunha experiencia única, xa que o uso de animais vivos achega un compoñente emocional importante, permitindo a interacción directa coa maioría das especies. No taller presentaranse exemplares das principais clases de artrópodos, incluíndo insectos, arácnidos, crustáceos e miriápodos, destacando aquelas especies que sobresaen polo seu tamaño, beleza ou características singulares. Unha oportunidade perfecta para descubrir de preto o fascinante mundo dos invertebrados.