O Antroido da Coruña 2025 renderá homenaxe a 'A Paca', choqueira da edición

A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, presentou a imaxe e a programación do Antroido da cidade para 2025. A partir deste ano, explicou a rexedora, o cartel destas festas estará dedicado ao choqueiro ou choqueira do ano, quen “ademais de formar parte do rueiro da cidade cunha placa na rúa de San Xosé, quedará co recordo de ser a imaxe destas celebracións”. Neste 2025, o personaxe distinguido será 'A Paca', interpretada por José Ángel Gago, que, xunto coa alcaldesa, foi o encargado de descubrir o cartel. Ao acto, celebrado no Palacio Municipal de María Pita, tamén asistiron representantes das comparsas da cidade.
“Iniciamos unha nova etapa que agardamos que se converta en tradición, levando aos choqueiros e choqueiras homenaxeados a protagonizar a imaxe do Antroido. Desta maneira, poñemos en valor o traballo realizado polas comparsas para esta festa, ao tempo que recoñecemos os rostros do Antroido”, expresou Inés Rey. A alcaldesa destacou que 'A Paca' xa forma parte da historia desta festa tan tradicional na Coruña, onde “con moi pouco, pasámolo en grande”.
José Ángel Gago, natural de Santiago e de familia de Rianxo, comezou a disfrazarse e participar no Antroido coruñés na súa época no instituto de Someso, onde gañou o terceiro premio co seu disfrace de asistenta. Ao longo dos anos, Gago interpretou diferentes personaxes femininos, como sereas, policía, anxo, demo ou vixiante da praia, ata atopar o seu lugar caracterizado como 'A Paca'.
Inés Rey quixo agradecer durante o acto o traballo das comparsas da cidade, destacando que “sen elas e sen a súa dedicación ano tras ano, non sería posible que esta celebración fose unha das nosas señas de identidade”.
O cartel completo da programación do Antroido da Coruña 2025 pode consultarse íntegramente nesta ligazón.