O alumnado do CIFP Imaxe e Son estrea no Fórum un musical inspirado en 'Circe'

A comunidade educativa do CIFP Imaxe e Son leva esta semana ao escenario do Fórum Metropolitano 'Culpables de ser', un musical concibido como proxecto final de ciclo e inspirado no universo literario de 'Circe', a novela coa que Begoña Caamaño revisitou a mitoloxía clásica desde unha mirada contemporánea. A estrea está prevista para o mércores 26 de febreiro ás 11.30 h, mentres que o ensaio xeral será o martes 25 ás 18.00 h.
A proposta articúlase como unha homenaxe á autora viguesa, que será a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, e pon o foco nas historias das mulleres que a tradición deixou á marxe. Sobre o escenario aparecen personaxes como Pandora, Eco, Medusa, Dafne e a propia Circe, nun relato que cuestiona versións oficiais e devolve a palabra ás protagonistas dos mitos.
O fío condutor da obra é Temis, deusa da xustiza, que escoita os seus testemuños nun espazo simbólico de memoria e reparación. Nesa estrutura, cada figura reinterpreta o seu lugar no relato: Pandora deixa de ser a orixe de todos os males, Eco recupera a súa voz, Medusa fala máis alá do monstro e Dafne resignifica a súa fuxida, mentres Circe se presenta como unha muller sabia e libre.
Un dos aspectos máis singulares do proxecto é que o libreto é completamente orixinal e foi escrito polo propio alumnado, que tamén asume as tarefas artísticas e técnicas da posta en escena, desde a produción e a realización ata o son e a iluminación. No plano musical, as cancións son adaptacións ao galego de temas xa existentes, reinterpretadas para encaixar no universo narrativo do espectáculo.
A estrea ten, ademais, unha carga simbólica para o centro: o CIFP leva dous anos sen dispoñer de teatro propio, polo que esta función convértese nun escaparate único para un traballo que se foi construíndo entre ensaios e adaptacións constantes. O resultado é unha montaxe colectiva que busca pechar etapa formativa reivindicando creatividade, oficio e mensaxe.