O alumnado do CEIP Valle Inclán creará un bosque autóctono na nova parcela escolar cedida polo Concello de Oleiros

A comunidade educativa do CEIP Ramón María do Valle Inclán dará forma este curso a un bosque autóctono na finca anexa ao colexio, situada na Rúa Anduriñas xunto ao pavillón municipal, tras a confirmación do Concello de Oleiros de que a parcela pasará a integrarse no recinto escolar e do inicio dos trámites legais e do cambio do peche perimetral. A comunicación realizouse nunha xuntanza celebrada en outubro entre o alcalde, a concelleira de Ensino e a directiva da ANPA Valle Inclán.
A proposta naceu no mes de marzo impulsada pola docente de 3º ciclo Fina Mosquera Roel e pola ANPA, que trasladaron ao Concello un proxecto coas ideas do propio alumnado: unha aula exterior, mesas e bancadas ao aire libre, un novo invernadoiro para toda Primaria, horta de tempada e a plantación de especies arbóreas autóctonas e froiteiras.
O centro foi ademais seleccionado para participar en 'Aprender do bosque', un programa educativo e comunitario do Centro de Arte da Fundación María José Jove que combina ciencia, arte e acción veciñal para deseñar pequenas arboradas con especies propias do territorio. A iniciativa fornece un kit con árbores autóctonas de diferentes características ecofisiolóxicas (como bidueiro, carballo, castiñeiro ou sobreira) que permiten observar os ritmos do mundo vexetal e traballar contidos de biodiversidade e cambio climático na aula.
Segundo a ANPA, a cesión municipal da parcela foi clave para a selección do colexio nesta convocatoria 2025-2026, que achega ferramentas para implicar ao alumnado e ás familias nun proceso de creación, coidado e seguimento do novo espazo verde do centro.