O alumnado do CEIP San Marcos conecta por videoconferencia con Papá Noel desde a Aula Cemit de Abegondo

ACoruñaXa
O alcalde, José Antonio Santiso Miramontes, acompañou as nenas e nenos nesta actividade, na que falaron con Laponia para trasladar os seus agasallos e desexos de Nadal
ABEGONDO llamada papa noel
11 Dec 2025

O Nadal adiantouse este ano para o alumnado do CEIP San Marcos de Abegondo, que puido manter unha videochamada en directo con Papá Noel desde a Aula Cemit do Concello. A actividade, organizada en colaboración entre o centro educativo e o Concello, permitiu ao estudantado vivir un encontro diferente co mítico personaxe, ao que lle fixeron chegar os seus agasallos soñados e os desexos para estas festas.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, quixo compartir este momento cos máis pequenos e acudiu á Aula Cemit para saudalos e participar na conexión con Laponia. Durante a videochamada, Papá Noel interesouse polo comportamento do alumnado ao longo do ano, escoitou con atención as súas peticións e animounos a seguir traballando no colexio e a portarse ben na casa.

A sesión desenvolveuse en varias quendas para que puidesen participar as diferentes aulas do CEIP San Marcos, que prepararan con anterioridade debuxos, cartas e preguntas para Papá Noel. Ademais de formular os seus desexos para o 2025, as nenas e nenos aproveitaron para amosarlle algunhas das decoracións de Nadal elaboradas nas clases e que estes días enchen de cor o centro educativo.

Desde o Concello de Abegondo salientan que propostas como esta permiten combinar o uso das novas tecnoloxías, a través da Aula Cemit, coa ilusión do Nadal, facendo que a experiencia sexa máis próxima e interactiva para o alumnado. O goberno local destaca tamén o papel da comunidade educativa á hora de impulsar actividades que reforzan valores como a convivencia, o respecto e a solidariedade nestas datas tan sinaladas.

⚙ Configurar cookies
0.077984094619751