O alumnado do CEIP Portofaro de Cambre organiza unhas eleccións simuladas

ACoruñaXa
Esta iniciativa permitiu que o alumnado coñecese de primeira man como funciona o sistema democrático
cambre-ceip
19 Mar 2025

Os estudantes de 5º de Primaria do CEIP Portofaro viviron esta semana unha experiencia única coa celebración dunhas eleccións simuladas, recreando con todo luxo de detalles o proceso electoral. Un total de nove formacións políticas presentáronse aos comicios, nos que expuxeron os seus programas electorais ante a alcaldesa de Cambre, María Pan, e o resto de compañeiros de clase. Tras os discursos de peche de campaña, procedeuse á votación, na que o Partido Popular Estudantil de Portofaro (PPEP) resultou gañador con 11 votos.

Durante o desenvolvemento da actividade, a rexedora explicou ao alumnado o funcionamento das eleccións municipais, abordando aspectos como o sistema electoral, o reconto e a tipoloxía dos votos. Ademais, Pan Lesta aproveitou para explicarlles como se desenvolven os plenos municipais. A alcaldesa felicitou a todos os nenos e nenas polo traballo realizado, destacando especialmente o labor da alumna Ana Sofía Machado Abreu, representante da formación gañadora.

Propostas gañadoras e alternativas

O PPEP acadou a vitoria cun programa no que se comprometía a organizar unha actividade ao aire libre unha vez ao mes para trasladar a aula ao exterior, fomentar a aprendizaxe doutros idiomas e o repaso dos contidos impartidos a través de certames de pronunciación, gramática, oratoria e matemáticas, e instaurar un Día Saudable mensual para promover hábitos de alimentación equilibrada entre o alumnado.

Pola súa parte, as demais formacións tamén presentaron diversas propostas para mellorar o centro educativo. Entre as máis repetidas destacaron o cambio no menú do comedor, a organización de máis actividades de lecer como xincanas, o reforzo da seguridade na entrada do colexio e o arranxo ou ampliación de servizos no CEIP Portofaro.

Esta iniciativa permitiu que o alumnado coñecese de primeira man como funciona o sistema democrático, fomentando valores como a participación, o debate e a toma de decisións en grupo.

⚙ Configurar cookies
0.28260183334351