O alumnado do CEIP Pedro Barrié de la Maza vive un pleno infantil de investidura en Sada

O Salón de Plenos da Casa do Concello de Sada transformouse nun espazo de aprendizaxe democrática coa celebración dun pleno infantil no que participou o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Pedro Barrié de la Maza. Acompañados polo alcalde, Benito Portela, e pola concelleira de Educación, Rebeca Mouriño, as nenas e nenos protagonizaron unha xornada inesquecible na que asumiron os roles da política local.
A actividade culminou un proxecto educativo que durante os últimos meses levou ao alumnado a crear os seus propios partidos políticos —con nomes tan creativos como Todos Somos Mondego, Xuntos por Mondego, Panda, GUAO, Mondegos Unidos por Siempre, MIAU ou Costa Creativa—, elaborar programas electorais, facer campaña e participar nunhas eleccións simbólicas.
A sesión, organizada como un pleno de investidura, proclamou a alumna Claudia López Souto como alcaldesa infantil, tras acadar a maioría simple en segunda votación. O alcalde entregoulle de forma simbólica o bastón de mando, recoñecendo así o seu liderado nunha corporación infantil que demostrou gran interese e compromiso co proceso.
Durante o pleno, tamén se puxeron enriba da mesa propostas elaboradas polo alumnado, como a organización de excursións sen teléfonos móbiles ou a mellora na planificación das actividades do centro educativo. As intervencións puxeron de manifesto a capacidade de reflexión e sentido de responsabilidade dunha mocidade implicada.
Desde o Concello de Sada destacouse a importancia de achegar a infancia ao funcionamento das institucións e á vida democrática. “A través de actividades coma esta, as crianzas aprenden o valor do diálogo, da participación e do traballo en equipo para construír unha sociedade mellor”, sinalaron fontes municipais.
O Concello felicitou ao alumnado pola súa implicación e agradeceu ao profesorado do CEIP Pedro Barrié de la Maza o seu compromiso coa formación en valores democráticos. Así mesmo, reafirmou o seu compromiso de seguir impulsando iniciativas que favorezan o crecemento persoal e colectivo da mocidade sadense.