O alumnado do CEIP Graxal propón ao Concello de Cambre melloras para o seu patio escolar

A alcaldesa, María Pan, presidiu un pleno moi especial no que os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe Graxal tiveron a ocasión de presentar á rexedora o proxecto 'O patio en xogo'. A través desta iniciativa, os estudantes puideron implicarse no deseño do seu espazo de xogo, solicitando a colaboración do Concello para a realización de melloras no recinto escolar. A alcaldesa Pan Lesta aplaudiu a proposta e a implicación do alumnado, comprometiéndose a “estudar todas as propostas formuladas que sexan de competencia municipal”.
A xornada comezou cunha exposición por parte dos rapaces, na que presentaron diferentes propostas para crear o patio ideal. Segundo explicaron, a súa proposta baséase en tres principios fundamentais: zonas verdes, áreas de xogo e zonas de calma. Entre as peticións que trasladaron ao Concello destacaron a creación dun horto ou invernadoiro, así como a inclusión dun espazo de xogo pintado no chan.
Unha vez rematada a presentación, os estudantes tomaron o cargo de concelleiros e concelleiras, e tiveron a oportunidade de plantearlle á alcaldesa varias consultas. Moitas destas preguntas estiveron relacionadas co proxecto 'O patio en xogo', pero tamén abordaron temas como a seguridade viaria, melloras en parques infantís e na infraestrutura das pistas municipais.
A alcaldesa aproveitou para responder ás dúbidas dos nenos e nenas, facendo unha breve explicación sobre o funcionamento do Concello de Cambre, os plenos e as competencias das distintas administracións. Esta explicación tamén serviu para contextualizar as melloras que o Concello pode realizar para axudar a comunidade educativa a conseguir ese patio ideal que están deseñando.