O alumnado do CEIP Gonzalo Torrente Ballester visita a foodtruck de Galicia Sabe a Mar

A foodtruck da campaña Galicia Sabe a Mar achegouse ao CEIP Gonzalo Torrente Ballester en Sigrás, no Concello de Cambre. A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitouno e enxalzou os produtos das rías galegas e instou a que sexan parte dunha dieta saudable e equilibrada que elevará a calidade de vida dos seus consumidores. Sinalou que esta iniciativa reforza o apoio do Goberno galego á promoción e á posta en valor da calidade dos produtos da costa galega. Os alumnos de infantil e primaria visitaron a foodtruck ao longo da xornada organizados en varias quendas.
A delegada lembrou que hai catro furgonetas percorrendo o territorio galego para promocionar a dieta atlántica. No marco desta iniciativa elabóranse un total de 13 receitas nas que o principal ingrediente é o produto local, dende o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou o berberecho de Noia. En definitiva, os peixes e mariscos amparados polo selo de calidade pescadeRías.
Esta acción, cuxa primeira edición tivo lugar no 2021, percorre os núcleos de máis de 1.000 habitantes e está presente en eventos deportivos, culturais, festas gastronómicas ou centros de ensino, ata outubro do 2025, realizando un total de 1.400 degustacións. O obxectivo é chegar tanto a maiores como á mocidade, na súa calidade de consumidores do mañá, promocionando as propiedades gastronómicas dos alimentos mariños e inculcando hábitos alimenticios saudables.