O alumnado de Oleiros leva á rúa as súas mensaxes pola igualdade na campaña municipal do 8M

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros volveu impulsar este ano a súa campaña con motivo do Día Internacional da Muller, unha iniciativa que busca implicar á comunidade educativa na creación de mensaxes a favor da igualdade e na difusión do galego.
A proposta consistiu nunha convocatoria de ideas dirixida ao alumnado dos centros educativos do municipio, co obxectivo de elaborar material divulgativo arredor do 8 de marzo. O certame estruturouse en catro categorías segundo o nivel educativo das persoas participantes, desde 5º e 6º de primaria ata bacharelato.
A resposta do alumnado foi ampla, con 288 lemas presentados na primeira categoría, 109 na segunda, 6 na terceira e 92 na cuarta. Tras a revisión das propostas, o xurado decidiu deixar deserta a terceira categoría por non atopar ningún lema destacable.
Entre os traballos seleccionados figuran dous lemas na primeira categoría: 'Game over para o machismo: o 8 de marzo seguimos subindo de nivel xuntas', de Iago González Florescu, alumno de 5º B do Colexio Hijas de Cristo Rey, e 'Rompamos o teito de cristal', de Valeria Rostro Barrero, de 6º B do CEIP Plurilingüe da Rabadeira.
Na segunda categoría resultou gañador o lema 'Rompamos ese teito de cristal e construamos un mundo igual', de Alejandro Valero Villamar, estudante de 1º de ESO do IES Miraflores. Pola súa banda, na categoría de bacharelato foi recoñecido o traballo 'Fortes e valentes, donas do noso presente', de Ariadna Cuéllar González, alumna de 1º de bacharelato do IES Miraflores.
Cos lemas premiados elaboráronse bolsas de cor morada que se repartirán entre o alumnado participante e tamén entre o público en xeral, co obxectivo de levar ás rúas de Oleiros mensaxes de igualdade e visibilizar a implicación da mocidade na defensa dos dereitos das mulleres.