O alumnado de Culleredo toma a palabra no Pleno Infantil para propoñer melloras no municipio

ACoruñaXa
Reuniu a 184 escolares dos CEIP Tarrío, Isaac Díaz Pardo, Ría do Burgo e Vila de Rutis
pleno-cull
10 Apr 2025

O Concello de Culleredo celebrou a XXV edición do Pleno Infantil, unha cita xa consolidada dentro do programa EducaCulleredo, que busca fomentar a educación en valores democráticos e a participación cidadá desde as aulas. A sesión, que tivo lugar no salón de plenos, reuniu a 184 escolares dos CEIP Tarrío, Isaac Díaz Pardo, Ría do Burgo e Vila de Rutis, que asumiron por un día o rol de concelleiros e concelleiras.

A corporación infantil estivo presidida por Irati Cacharrón, alumna do CEIP de Tarrío, quen estivo acompañada na mesa polo alcalde, José Ramón Rioboo, e pola concelleira de Educación, Cristina Pardo. Cada centro presentou unha moción, resultado dun traballo previo en clase, que foi debatida e aprobada pola corporación escolar.

A moción máis votada foi a do CEIP Ría do Burgo, que propuxo a mellora das calzadas das rúas do municipio, obtendo 19 votos a favor. Tamén foron aprobadas as propostas do CEIP Isaac Díaz Pardo para a mellora das súas pistas deportivas (14 votos), do CEIP Vila de Rutis para crear patios escolares máis naturais e inclusivos (13 votos) e do CEIP Tarrío para a remodelación dos parques e pistas deportivas (12 votos).

O alcalde Rioboo valorou moi positivamente as achegas do alumnado e recoñeceu que "identificastes perfectamente algunhas das necesidades do noso concello, coincido plenamente con vós". Anunciou, ademais, que o Concello está a tramitar un contrato de mantemento viario dotado con 500.000 euros anuais para atender as reparacións de forma inmediata.

En canto ás peticións sobre os patios escolares, explicou que son competencia da Xunta de Galicia, pero comprometeuse a estudar as posibilidades de mellora das instalacións deportivas municipais, como a pista da praza de Europa, cuxa cobertura e adecuación está a ser avaliada tecnicamente, mesmo coa opción de soterrala e incorporar un graderío.

Durante a quenda de preguntas, os estudantes amosaron interese pola recuperación dos Muiños de Acea de Ama, incluídos nun proxecto para captar fondos europeos, así como polo futuro do complexo de A Garracoha, onde se está a estudar a viabilidade dun espazo deportivo multiusos.

Outras propostas destacadas foron a creación dun centro de ocio para a mocidade e medidas para evitar que se tire lixo na ría, evidenciando a preocupación ambiental do alumnado.

A edición deste ano incorporou ademais figuras novas como xornalistas, fotógrafos e debuxantes infantís, que documentaron a sesión. Rioboo felicitou a todos os participantes polo seu comportamento exemplar e polo seu compromiso co futuro de Culleredo, resaltando que todas as propostas foron aprobadas “con talante e sentido común”.

⚙ Configurar cookies
0.16248798370361