O alcalde de Culleredo reunirase coa Xunta para tratar a glorieta e a seguridade viaria en Ledoño

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, manterá unha nova xuntanza coa Xunta de Galicia o vindeiro 2 de setembro, co obxectivo de abordar as preocupacións da veciñanza de Ledoño sobre a glorieta e outras cuestións de seguridade viaria na estrada AC-523 ao seu paso pola parroquia.
A reunión foi solicitada polo goberno local e confirmada pola administración autonómica. Segundo explica o Concello, neste encontro o alcalde reiterará a petición de manter a glorieta, cuxa conservación se logrou de forma provisional, á espera dunha ratificación definitiva. Esta infraestrutura conta co respaldo maioritario da cidadanía e considérase clave para a ordenación do tráfico na zona.
Ademais, analizarase o proxecto anunciado recentemente pola Xunta para construír un pasadizo peonil, co fin de coñecer os seus detalles técnicos, o seu impacto real e valorar se contribúe de maneira eficaz a mellorar a seguridade peonil.