O alcalde de Culleredo comprométese cos traballadores de Jardincelas

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, mantivo unha reunión co comité de empresa de Jardincelas, empresa concesionaria do servizo de xardinería, para escoitar as súas demandas laborais e amosarlles o seu compromiso absoluto coa continuidade dos seus postos de traballo. Rioboo quixo transmitirlles persoalmente unha mensaxe de tranquilidade tras quedar deserta a licitación de dous dos lotes do servizo de xardinería —os do Paseo Marítimo e o de O Burgo— que viña prestando esta empresa.
O servizo saíra a licitación cun orzamento total de 2.192.889,89 euros, que incluía un incremento dos medios persoais, das superficies a actuar e dos traballos a realizar, co obxectivo de ofrecer un servizo moderno e adaptado ás necesidades actuais de Culleredo.
O Goberno local está a estudar as vías legais para continuar co proceso. Con todo, Rioboo aclarou novamente ante os traballadores que a próxima adxudicataria do servizo deberá subrogar ao persoal da antiga empresa concesionaria. “Transmítinlles o compromiso absoluto co mantemento dos seus postos de traballo. O prego actual xa contempla a obrigatoriedade de subrogar ao persoal que traballaba na anterior empresa concesionaria e garantir o cobro das débedas pendentes da antiga adxudicataria”, sinalou o rexedor.
Rioboo se referiu tamén á sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña, que desestimou a demanda interposta contra o Concello pola exadxudicataria dos servizos de limpeza de edificios, limpeza viaria e xardinería, Jardincelas. A empresa reclamaba unha indemnización de 2,3 millóns de euros máis os intereses correspondentes.
O alcalde destacou que a sentenza conclúe que non quedou acreditado o enriquecemento inxusto que denunciaba a empresa e reafirma a boa fe do Concello durante todo o proceso.