O alcalde de Culleredo carga contra o PP pola súa postura sobre Nostián

ACoruñaXa
Rioboo amosou o seu respaldo á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, para impulsar a nova Nostián con melloras
reunion_rioboo_paseo_2
28 Feb 2025

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, manifestou o seu malestar pola actitude do Partido Popular ante o acordo acadado no Consorcio As Mariñas para manter o tratamento dos residuos sólidos urbanos na planta de Nostián. Así, indica que o pacto foi aprobado por unanimidade polos oito concellos que conforman o ente, pero, segundo Rioboo, o PP está a utilizalo "na súa guerra política sen importarlle nin un ápice os 130 traballadores da planta".

O rexedor lamenta a "falta de rigor e de escrúpulos" dos populares por adoptar unha postura "carente de argumentos e de toda conciencia social sobre o futuro das familias afectadas". Rioboo considera "unha pena" que certos representantes públicos "basen a súa política local na pura demagoxia".

"Acadamos unha solución de forma consensuada entre oito concellos gobernados por diferentes cores políticas, incluído precisamente o PP. Non se entende que unha concelleira da oposición en Culleredo realice acusacións dese tipo contra os alcaldes cando actuamos todos a unha", sinalou Rioboo.

Desde o Concello ironizan sobre a posibilidade de pedir a Gorostizu unha "clase maxistral" sobre a xestión do lixo, xa que parece ter máis criterio que os oito alcaldes da comarca e os habilitados nacionais do Consorcio. Incluso suxiren que podería ser nomeada interlocutora cos traballadores, dado o seu aparente dominio sobre o asunto.

O goberno municipal sospeita que a actitude belixerante de Gorostizu responde á súa busca de notoriedade dentro do seu partido. Ademais, Rioboo amosou o seu respaldo á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, para impulsar a nova Nostián con melloras que permitan aumentar a eficiencia do sistema de reciclaxe, que xa supera ao de Sogama. "Pregúntome se o modelo da Xunta en Sogama é o máis exemplificante cando entran camións por detrás", concluíu o alcalde de Culleredo.

⚙ Configurar cookies
0.11202096939087