O alcalde de Carral lamenta a falta de apoio para a implantación dun paso de peóns na N-550

ACoruñaXa
A medida foi elevada ao pleno e foi rexeitada polos partidos da oposición (PP de Carral, PSOE e o concelleiro non adscrito)
carral-pleno-marzo
28 Mar 2025

O alcalde de Carral, Javier Gestal, lamentou que a veciñanza non vexa cumprida unha demanda histórica en materia de seguridade viaria: a implantación dun novo paso de peóns na N-550, á altura do número 45 de Costa do Pincho. A medida foi elevada ao pleno e foi rexeitada polos partidos da oposición (PP de Carral, PSOE e o concelleiro non adscrito), que se abstiveron, impedindo a súa aprobación. Segundo o criterio da secretaria municipal, para sacar adiante a iniciativa requiríase maioría absoluta.

O rexedor explicou que o resultado da votación "supón un agravio para a veciñanza, en xeral, e para a comunidade educativa do IES de Carral, en particular, que levaban anos demandando a dispoñibilidade deste paso".

O equipo de goberno levaba anos solicitando esta actuación. Agora, o proxecto contaba non só co informe favorable do arquitecto do Concello, senón tamén co visto bo do persoal do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, organismo que financiaría e executaría as obras. A intervención resolvería unha carencia que a veciñanza leva tempo denunciando e que afecta, principalmente, ao alumnado do instituto. Actualmente, ao carecer deste paso, os estudantes deben cruzar polo paso de peóns dos Mártires ou, no seu defecto, atravesar a vía por zonas sen sendas peonís.

Con esta proposta, o goberno local pretendía solucionar a problemática, pero para que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable puidese levala a cabo, requiríase a aprobación previa en pleno. Agora, a intención do executivo local "é continuar traballando e loitando para que esta iniciativa sexa unha realidade", confirmou Gestal.

Outros asuntos tratados no pleno

Durante a sesión aprobáronse por unanimidade os ditames das subvencións nominativas da Deputación da Coruña para a celebración da XXI Festa do Pan e para programas de orientación laboral.

Outro dos asuntos rexeitados foi un recoñecemento extraxudicial de crédito para o pagamento de tres facturas pendentes do 2024 e para o abono de tres subvencións a asociacións correspondentes ao exercicio 2023: a Asociación de Veciños O Rueiro de Tabeaio, a Asociación Río Barces e a Asociación de Mulleres Rurais. Neste caso, a proposta presentouse como moción urxente, pero non chegou a debatirse ao non prosperar a urxencia.

Pola contra, unha das mocións que si saíu adiante foi a revisión das tarifas dos taxis de Carral, que recibiu o voto favorable de toda a corporación.

⚙ Configurar cookies
0.16312313079834