O alcalde de Cambre reúnese coa vicepresidenta Yolanda Díaz e reclama melloras á Xunta
O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, mantivo unha reunión está mañá coa vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e coa candidata de Sumar Galicia, Marta Lois. O primeiro edil amosou a súa disposición a reunirse cos candidatos dos demais partidos para amosarlles de primeira man as necesidades da veciñanza e criticou á Xunta polos deberes pendentes coa localidade coruñesa.
Óscar García aproveitou para dicir que este tipo de visitas supoñen unha “oportunidade para que todos os grupos que se postulan á Xunta poidan coñecer que cuestións nos preocupan". Unha petición tamén dirixida cara o PP de Galicia, a pesar de que “algúns dos conselleiros non nos recibiran ata o de agora”.
Entre os deberes do Goberno galego pendentes coa localidade de Cambre o máis importante son as infraestruturas. Especialmente, a do Vial 11-17 que “leva anos no caixón e que suporía un enorme alivio do tráfico na zona de Costa da Tapia”, incidiu o alcalde.
Ademais o rexedor explicou a situación actual de parálise que está a vivir o Concello tras o cambio de criterio adoptado desde os departamentos de Intervención e Secretaría. García Patiño incidiu en que o goberno local continúa traballando “para desbloquear a situación”, pero advertiu que se trata dun problema complexo e que require dun enfoque multisectorial e interadministrativo e dá colaboración doutros organismos.
Outras das peticións formuladas polo alcalde foi a ampliación do programa de integración laboral Viogén da Xunta de Galicia para estendelo ao sector privado: “Parécenos esencial promover a empregabilidade dás mulleres que sufriran violencia de xénero, pero cremos que ampliar a iniciativa ao sector privado sería un revulsivo real para que poidan continuar co seu desenvolvemento profesional e, sobre todo, para atopar un traballo estable”, concluíu Óscar García.