O Ágora acolle este luns o ciclo de poesía 'Poetas Di(n)versos'

ACoruñaXa
A Premio Nacional de Poesía, Yolanda Castaño, presentará un recital no que se mesturarán as obras poéticas do galego Abraham Pérez e do hondureño Rolando Kattan
Imaxe do Centro Sociocultural Ágora na Coruña
25 Mar 2024

Este luns 25 de marzo, no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, poderase gozar do ciclo de poesía Poetas Di(n)versos, organizado polo Concello da Coruña. Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía, será a encargada de dirixir un recital no que se mesturarán as obras poéticas de Abraham Pérez (Lugo, 1990), graduado e mestrado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, e de Rolando Kattan (Tegucigalpa, Honduras), editor e xestor cultural, a partir das 20.00 horas.

Abraham Pérez é autor da novela 'O paso en falso', finalista do XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa, do ensaio Sacho de seda e dos poemarios 'O corpo transparente das horas', unha teoría para os espectros, gañador do 2.º premio do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba, e Fragmento/Creba. Acadou o Accésit no XXV Certame Francisco Añón de Poesía convocado polo Concello de Outes coa obra Toxicidade. Foi un dos artistas seleccionados para desfrutar da Residencia Artística Mariñán de literatura e pensamento no 2022, e da Residencia de creación literaria Illa de San Simón no 2023. Parte da súa obra foi traducida ao portugués e o español, e, en breve, aparecerá en francés.

Rolando Kattan é un dos autores da literatura hondureña máis relevantes na actualidade. Da súa autoría destacan títulos como 'Los cisnes negros', Premio Casa América da Poesía Americana, 'Viaje imaginario a Kiribati', 'Donde volver deseo', 'Gabinete de curiosidades', 'Un país en la fronda' ou 'Luciérnaga de otoño'. Recibiu o Premio Nacional de Literatura Ramón Rosa e o Premio Bucovina de Poesía, e a súa obra, presente en numerosas antoloxías, está traducida ao portugués, francés, inglés, italiano, chino ou árabe, entre outras linguas. É membro correspondente da Real Academia Española da Lingua e membro numerario da Academia Hondureña da Lingua.

O próximo trimestre do ciclo Poetas Di(n)versos continuará o luns 22 de abril, reforzando a programación cultural promovida polo Goberno local. A entrada para asistir a estes recitais é de balde ata se completar a capacidade do recinto.

0.1879448890686