O Ágora acolle a gala final do programa 'Gargallada', a gran cita da comedia escolar en galego

Este xoves 27 de marzo o auditorio do Centro Sociocultural Ágora converterase no epicentro da comedia escolar coa gran gala final do programa ‘Gargallada’, un proxecto impulsado polo Goberno de Inés Rey que busca fomentar a expresión oral e o humor en galego entre a mocidade. O evento, con entrada de balde ata completar capacidade, será ás 17.00 horas.
Nesta primeira edición, 14 estudantes de 12 centros educativos do Concello da Coruña terán a oportunidade de subir ao escenario para presentar os seus monólogos, froito dun intenso proceso de aprendizaxe guiado por profesionais do humor. As madriñas e padriños da comedia que participaron no proceso de formación conducirán a gala, garantíndonos unha tarde chea de risas e talento. Entre eles estarán Marita Martínez, Víctor Grande, Oswaldo Digón e Ángela Triana.
Os 14 monólogos finalistas competirán en dúas categorías: Pillabáns (1º e 2º da ESO) e Falcatruáns (3º, 4º da ESO e 1º de Bacharelato). Un xurado cualificado, formado por personalidades da comedia como Eva Veiga e Santi Gutierrez, e persoal de Normalización Lingüística do Concello, como Xulia Rigueiro, avaliará as actuacións en base á calidade dos textos, a posta en escena e o uso da lingua galega, recoñecendo o esforzo e a creatividade dos participantes.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, asistirá ao evento para compartir esta experiencia co alumnado, o profesorado e o público asistente, mostrando o seu apoio á iniciativa do Goberno de Inés Rey, que "demostra que o humor pode ser unha poderosa ferramenta de expresión e dinamización da nosa lingua".
Con esta gala final, Gargallada consolídase como unha iniciativa fundamental no panorama educativo e cultural da Coruña, poñendo en valor o talento da mocidade e promovendo o uso do galego de xeito divertido e creativo.