O acceso ás praias de Arteixo mellora coa ampliación da liña de transporte público Meicende-Sabón

O Concello de Arteixo segue a dar pasos firmes para mellorar o transporte público local cunha nova actuación na liña de autobús Meicende-Sabón, pensada especialmente para facilitar o acceso ás praias durante a temporada estival.
Ata o momento, esta liña só daba servizo directo á zona de Vilarrodís, deixando aos veciños de Oseiro sen conexión directa coa costa. A partir do 20 de xuño, coincindo co inicio da tempada de praias, e ata o 8 de setembro, incorporarase un novo percorrido con tres paradas adicionais: Pastoriza, Solimar e Oseiro, ampliando así significativamente a cobertura da liña. O servizo funcionará todos os días da semana, de luns a domingo, permitindo aos usuarios gozar dunha conexión directa, cómoda e regular coas praias do municipio durante todo o verán.
O Concello optou por unha reorganización en formato circular, de modo que os horarios se repartirán de forma equilibrada entre as diferentes zonas beneficiadas. Esta medida posibilitará que os usuarios de todas as parroquias dispoñan dun servizo eficiente e adaptado ás súas necesidades.
Con esta actuación, o Concello de Arteixo reafirma o seu compromiso coa mellora continua da mobilidade e coa calidade de vida dos seus veciños, facilitando o acceso ao ocio e ao contorno natural durante os meses estivais. Para máis información sobre horarios e percorridos actualizados, a cidadanía pode consultar os canles oficiais do Concello de Arteixo ou Arriva.