O acceso á vivenda centra o debate xuvenil nunha charla organizada polo PP de Culleredo

O PP de Culleredo traslada que o acceso á vivenda continúa a ser un dos principais problemas para a mocidade en Galicia e, en especial, no municipio. Así se puxo de manifesto na charla informativa organizada polo polos populares en O Burgo, na que interviñeron a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a voceira popular, Izaskun García.
Abriu o acto a líder dos populares de Culleredo, quen destacou que "ao non dispoñer de solo público no noso concello, non se constrúen vivendas protexidas. As poucas iniciativas existentes son privadas e os prezos están disparados. Precisamos aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para dar solución a este grave problema e ofrecer vivenda a prezo asumible en Culleredo", sinalou García.
Pola súa parte, a titular de Vivenda, María Martínez Allegue, explicou en detalle as iniciativas que o Goberno galego puxo en marcha para facilitar o acceso á vivenda. "Desde a Xunta apostamos pola promoción de vivenda pública cun plan para duplicar o parque público durante a lexislatura actual, unha estratexia sólida e ambiciosa dirixida a garantir que todos os galegos poidan acceder a vivendas dignas e accesibles", afirmou Allegue.
Entre as medidas dirixidas á mocidade, a conselleira destacou o Aval Xove, que cobre o 20 % do custo da vivenda para acceder ao 100 % da hipoteca, facilitando así a independencia da xente nova sen que supoña un esforzo económico inasumible.
En canto ás axudas ao alugueiro, Martínez Allegue referiuse ao Bono Alugueiro Mocidade, cuxa convocatoria se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que ofrecerá axudas mensuais de 250 euros a mozos e mozas menores de 36 anos con ingresos inferiores a 25.200 euros.
O acto concluíu cunha quenda de preguntas na que os asistentes puideron compartir inquedanzas, dúbidas e suxestións sobre as políticas de vivenda impulsadas pola Xunta e o papel do concello nesta materia.