O 81,8 % dos graduados da UDC traballan un ano despois de finalizar estudos

ACoruñaXa
A taxa de incorporación ao mercado de traballo mantense estable respecto ao ano anterior
Imaxe da Facultade de Dereito da UDC
18 Feb 2025

O Observatorio Ocupacional da Universidade da Coruña (UDC) vén de publicar os datos do seu estudo anual de inserción laboral correspondentes ao curso 2022/23. Segundo os resultados, a taxa de incorporación ao mercado de traballo mantense estable respecto ao ano anterior.

Un ano despois da súa titulación, o 81,8 % do alumnado egresado de grao e o 86,8 % do de máster atopábanse activos laboralmente, xa fose con emprego ou en busca activa deste. No caso do grao, supón unha mellora de case 4 puntos porcentuais respecto ao estudo anterior (78 %), mentres que os titulados de máster manteñen unha tendencia similar á do curso previo (87 %).

No referente aos que lograron emprego, un 89,1 % do alumnado graduado e un 87,4 % dos titulados de máster estaban traballando ao peche do estudo. Así, a taxa de desemprego situouse nun 10,9 % entre os graduados e nun 12,6 % no caso dos titulados de máster.

O informe destaca que a maioría das persoas ocupadas desempeñan traballos acordes ao seu nivel formativo, cunha taxa do 78 % no caso dos graduados e do 90 % entre os titulados de máster. Ademais, no sector privado, un 71 % dos graduados e un 75 % dos titulados de máster contaban cun contrato indefinido un ano despois da súa titulación.

A satisfacción xeral co emprego obtivo unha puntuación de 8,04 sobre 10 entre os graduados e de 8,22 entre os titulados de máster, sen diferenzas significativas entre ramas de coñecemento nin entre homes e mulleres.

En canto ás taxas de paro, existen diferenzas entre disciplinas. O ámbito de Ciencias da Saúde rexistra a taxa máis baixa (3,2 %), mentres que o campo das Ciencias presenta a maior incidencia de desemprego, cun 46,7 %.

O autoemprego continúa sendo unha opción minoritaria, cun 5 % entre os graduados e un 9,9 % no caso dos titulados de máster. Pola súa banda, o emprego na Administración pública representa un 10 % e un 11 %, respectivamente.

Os datos tamén reflicten a distribución salarial do alumnado egresado. O 17 % dos titulados, tanto de grao como de máster, percibe ingresos netos iguais ou inferiores a 1.000 euros ao mes, mentres que o 39 % dos graduados e o 38 % dos titulados de máster sitúanse na franxa entre 1.001 e 1.500 euros. Por outra banda, un 44 % dos graduados e un 45 % dos titulados de máster superan os 1.501 euros mensuais.

A Universidade da Coruña, a través do seu Observatorio Ocupacional, reafirma o seu compromiso coa avaliación continua da inserción laboral do seu alumnado. O estudo proporciona información clave para deseñar estratexias que melloren a empregabilidade e adapten a formación universitaria ás necesidades do mercado laboral. A mostra deste ano permite realizar estimacións cunha marxe de erro do 3,6 % para o conxunto dos titulados de grao e do 3,9 % para os titulados de máster.

0.17083883285522