O 13 de decemento chega ao Pazo dos Deportes de Riazor a primeira edición da Copa Deputación de Baile Deportivo

ACoruñaXa
A inscrición para participar segue aberta ata este venres, 5 de decembro
copa-deputacion-baile-deportivo-coruña
4 Dec 2025

A Deputación da Coruña organizará o sábado 13 de decembro a I Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo nas modalidades de Latinos e Danza Coreográfica, que terá lugar no Pazo dos Deportes de Riazor. Esta será unha competición oficial baixo o regulamento da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD), na que participarán deportistas federados das categorías xuvenil, júnior, youth, adulto e sénior, tanto en parellas, como en individual e grupos de danza coreográfica.

Desde a Deputación destacan que a inclusión desta disciplina no calendario deportivo representa un paso máis para apoiar e dar visibilidade a deportes minoritarios, ampliando o alcance da Copa Deputación a novas modalidades con crecente participación. O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que “a Deputación quere abrir espazos a todos os deportes, tamén aos menos coñecidos, garantindo que teñan a mesma oportunidade de medrar, chegar ao público e consolidarse no tempo”.

A competición contará cun panel de sete xuíces que valorarán as coreografías segundo o sistema skating nas categorías de parellas e individual, e o sistema AJS para a danza coreográfica. Esta Copa será puntuable para o ránking nacional, cunha escala de valoración de 3 a 8 puntos, con intervalos de 0,25. As inscricións son gratuítas e pódense facer ata o 5 de decembro a través da plataforma Pasos Baile Galicia. A música das coreografías debe entregarse antes do peche do prazo.

Sandra García, organizadora da competición e xerente da Escola de Danza UPA Un Paso Adelante de Narón, valorou o apoio da Deputación nesta iniciativa: “A Deputación apoiou dende o primeiro momento esta proposta, sobre todo co obxectivo de dar visibilidade a deportes minoritarios. É un deporte máis descoñecido, pero iso non quere dicir que non haxa moita xente que o practique”. Tamén destacou a importancia da gratuidad: “Neste tipo de eventos, o deportista paga por competir e o público paga entradas. A gratuidade é unha motivación extra e pode axudar a dar a coñecer este deporte a outro tipo de público”.

A organización agarda reunir entre 250 e 300 deportistas, maioritariamente de Galicia, pero tamén doutros puntos de España e Portugal. “O importante é expoñer este deporte a un público que, ao velo, poida decidir apuntarse a unha escola de danza e empezar a practicalo”, explicou García, que subliñou que entre os participantes haberá deportistas de alto nivel, incluídos campións do mundo nas súas modalidades.

⚙ Configurar cookies
0.067014932632446