Nuno Moure e Alba Raso impoñense no Ventorrillo nunha carreira con máis de 1.200 participantes

ACoruñaXa
A Carreira Popular do Ventorrillo, penúltima cita do circuíto Coruña Corre, reuniu centos de corredores e deixará como último capítulo a proba de Novo Mesoiro o 23 de novembro
A CORUÑA coruña corre montealto
27 Oct 2025

Nuno Moure e Alba Raso proclamáronse vencedores da Carreira Popular do Ventorrillo, a antepenúltima etapa do circuíto municipal Coruña Corre, que xuntou máis de 1.200 deportistas nas distintas categorías. A cita supuxo unha nova demostración da forza que está a coller o atletismo popular na cidade, cun trazado esixente e unha grande presenza de público.

‘Celebramos que tantas persoas se acheguen cada domingo ás carreiras populares que organizamos, froito do interese da cidadanía por hábitos de vida máis saudables’, sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, durante a entrega de premios.

No podio masculino acompañaron a Moure dous nomes destacados do fondo coruñés: Abdelaziz Fatihi como segundo clasificado e Daniel Fuentes como terceiro. Na proba feminina, tras o triunfo de Raso, cruzaron a meta Noa Mirantes en segundo lugar e Inés Papín en terceira posición.

A carreira absoluta propuxo un percorrido algo superior aos 5 quilómetros, con saída na rúa Alcalde Salorio Suárez e paso por treitos de asfalto e pistas de terra polos barrios do Ventorrillo e A Silva, combinando zonas rápidas con segmentos máis técnicos.

Logo desta xornada, o circuíto Coruña Corre encara xa o seu final. Só resta a derradeira proba, que se celebrará o domingo 23 de novembro en Novo Mesoiro, onde se pechará a edición deste ano. As inscricións abriranse nos vindeiros días.

⚙ Configurar cookies
0.072831869125366