Novos artistas confirmados para o Morriña Fest 2025: Nathy Peluso, Alleh y Yorghaki e Elena Rose

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou unha nova edición do Morriña Festival, que celebrará a súa quinta edición e a cuarta consecutiva na cidade. Durante o acto anunciáronse novas incorporacións ao cartel, entre as que destacan Nathy Peluso, Alleh y Yorghaki e Elena Rose. O festival celebrarase os días 25 e 26 de xullo no peirao de Batería, e os abonos xa están dispoñibles para a súa venda.
"Desde o Goberno municipal seguimos apostando polas grandes citas musicais para manter A Coruña como o gran polo cultural de Galicia", destacou Inés Rey. A rexedora estivo acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o director de Márketing de Estrella Galicia, Ramón de Meer; e o director de comunicación de Bring the Noise, Esteban Girón. Ademais de fortalecer a axenda cultural da cidade, a alcaldesa salientou que este tipo de eventos musicais representan un importante reclamo turístico e xeran un notable impacto económico. Para esta edición, espérase superar a cifra de 100.000 asistentes.
Entre as novidades do cartel, Nathy Peluso destacarase cunha actuación exclusiva en Galicia en 2025. Co seu estilo ecléctico, que fusiona xéneros como o trap, o R&B, o jazz e o reguetón, a artista arxentina consolidouse como unha das voces máis innovadoras da escena latina. No seu repertorio inclþse éxitos como 'Mafiosa' e 'Business Woman'.
Tamén se suman Alleh y Yorghaki, dous músicos venezolanos que acadaron recoñecemento internacional grazas ao seu innovador estilo. O seu tema 'Capaz (merenguetón)' converteuse nun dos máis reproducidos de 2025, acumulando miles de millóns de escoitas en diversas plataformas. Outra das confirmacións é Elena Rose, cantautora e produtora recoñecida pola súa autenticidade ao mesturar R&B, trap e soul, consolidándose como unha das artistas máis destacadas da música latina actual.
A organización do festival avanzou que nos próximos días anunciará unha nova gran cabeza de cartel. A alcaldesa subliñou a importancia da colaboración entre administracións para garantir o éxito do evento e agradeceu o apoio de Turismo de Galicia e da Autoridade Portuaria. Ademais, recoñeceu o labor de Bring The Noise na consolidación do festival e puxo en valor a colaboración de Hijos de Rivera e a súa marca Estrella Galicia, que continúa apoiando o sector cultural en todas as súa vertentes.