Novo Mesoiro pide liña directa á Universidade

Novo Mesoiro, o barrio con maior natalidade da Coruña, volve alzar a voz pola súa conexión coas áreas de estudo e asistencia sanitaria. Hoxe, quen precisa desprazarse á Universidade debe coller a liña 21 e realizar un transbordo, o que alonga o traxecto ata os 50 minutos en hora punta. A alternativa “rápida” pasa por baixar na gasolineira de Pocomaco e camiñar uns 20 minutos ata o campus, pero esa opción implica perder o desconto universitario da Tarxeta Millennium.
Segundo a asociación veciñal, a falta dunha liña directa xera unha clara desvantaxe respecto doutros barrios con poboación máis envellecida que si contan con conexións co campus. No peto nótase tamén: quen escolle aforrar tempo pode chegar a pagar ata un 50% máis pola viaxe ca outros universitarios da cidade, un sobrecusto que consideran inxusto e que afecta especialmente aos fogares con menos recursos.
A demanda principal é sinxela: unha liña directa coas universidades —Elviña e A Zapateira— e coas principais áreas hospitalarias, con horarios axustados ás entradas e saídas das clases e ás citas médicas. A veciñanza subliña que a medida reduciría tempos de percorrido, evitaría colapsos nos transbordos e faría máis competitivo o transporte público fronte ao coche privado, mellorando a mobilidade e a seguridade na contorna.
Tras unha reunión con Alcaldía na que xa se plasmou a petición, o colectivo remitiu unha carta a todos os partidos políticos para que analicen solucións que igualen condicións co resto da cidade. Propoñen, ademais, estudar reforzos en horas punta, melloras nas frecuencias da liña 21 mentres non haxa servizo directo e garantir que calquera alternativa preserve os descontos asociados á Tarxeta Millennium.
“Queremos diálogo, colaboración e un transporte xusto para Novo Mesoiro”, conclúen. A súa intención é participar nas mesas técnicas que sexan necesarias, achegar datos de demanda real e colaborar en probas piloto que permitan avaliar a eficacia dunha conexión directa antes da súa implantación definitiva.