Novo episodio de verteduras de augas residuais na costa de Suevos, en Arteixo

As augas residuais volveron chegar ao mar na franxa costeira entre Sabón e Suevos, segundo denunciou Alternativa dos Veciños. A formación lembra que hai un ano xa advertira dunha situación similar, que atribuía á descarga directa sen depuración polos cantís da zona, e sostén que este martes se repetiu o episodio.
De acordo coa denuncia, o punto de bombeo desde o que se deberían impulsar as augas fecais ata a EDAR de Bens segue sen estar operativo, o que faría que os caudais discorran pola contorna ata desembocar no mar.
Alternativa dos Veciños insta ao Concello de Arteixo a intervir coa maior celeridade posible para corrixir a incidencia e evitar novas verteduras. No mesmo comunicado, a formación sinala que nun municipio cun orzamento anual de 70 millóns de euros non debería prolongarse unha situación deste tipo.