Nove institutos da provincia da Coruña participan nunha competición da Axencia Espacial Europea
Esta mañá celebrouse en Santiago de Compostela a xornada de formación para os 23 equipos galegos participantes na fase rexional de CanSat 2024, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea e que conta co apoio da Xunta de Galicia, na que se reta ao alumnado de Secundaria a realizar unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.
Na actividade participan un total de 9 centros educativos da Provincia da Coruña, entre os que se atopan o IES Manuel Murguía de Arteixo, o CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen de Betanzos e o CPR Compañía de María da Coruña.
O titular de Educación do Goberno galego, Román Rodríguez, asegurou que este desafío ao que se van enfrontar os equipos galegos “supón moito máis ca unha demostración do seu entendemento no campo da aeronáutica, xa que tamén representa unha oportunidade para levar ao terreo práctico o que pode ser unha carreira de futuro para moitos deles”, abondou dirixíndose aos 140 participantes entre alumnado e profesorado da vintena de centros educativos adheridos ao proxecto.
O conselleiro salientou que encontros coma este axudan, desde as aulas, a xerar innovación aplicada, ao desenvolvemento colectivo, á resolución de retos tecnolóxicos e ao fortalecemento da capacidade dixital. “Ademais, formar a futuros profesionais nun maior desempeño tecnolóxico aumenta as súas oportunidades de obter un traballo en calquera sector”, afirmou.
O encontro de hoxe, no decurso do cal se desenvolven catro relatorios vinculados á temática de satélites, serviu para a presentación dos equipos, que están formados por un máximo de seis alumnos baixo a coordinación dun docente.
A xornada de lanzamento de satélites terá lugar o 23 de abril no aeródromo das Gaivotas en Cerceda e posteriormente, o día 26, haberá un evento para a defensa dos resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.
Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.
Os centros participantes, algún deles con más dun equipo, son os seguintes:
Provincia | Concello | Centro |
A Coruña | Arteixo | IES Manuel Murguía |
A Coruña | Betanzos | CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen |
A Coruña | Cariño | IES Cabo Ortegal |
A Coruña | A Coruña | CPR Compañía de María |
A Coruña | Ferrol | CPR Ayala |
A Coruña | Muxía | IES Ramón Caamaño |
A Coruña | Noia | IES Virxe do Mar |
A Coruña | Ortigueira | IES de Ortigueira |
A Coruña | As Pontes | IES Castro da Uz |
Lugo | Burela | IES Perdouro |
Lugo | Lugo | IES Lucus Augusti |
Lugo | Lugo | IES Leiras Pulpeiro |
Lugo | Mondoñedo | IES Plurilingüe San Rosendo |
Ourense | A Gudiña | CPI Laureano Prieto |
Ourense | Ourense | IES O Couto |
Ourense | Ourense | CPR Santa María Maristas |
Pontevedra | Caldas | IES Aquis Celenis |
Pontevedra | Vigo | IES Álvaro Cunqueiro |
Pontevedra | Vigo | IES República Oriental do Uruguai |
Pontevedra | Vigo | CPR Plurilingüe Montecastelo |
Pontevedra | Vigo | CPR Plurilingüe Las Acacias |