Nove de cada dez persoas egresadas na UDC atopan emprego no primeiro ano

A empregabilidade do alumnado da Universidade da Coruña volve deixar cifras positivas. Segundo o informe presentado este martes pola vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, e polo director do Observatorio Ocupacional, Francisco León Medina, nove de cada dez persoas tituladas de grao que decidiron incorporarse ao mercado laboral atoparon emprego no primeiro ano tras rematar os seus estudos.
O estudo sitúa a taxa de paro nese primeiro ano no 10,9 por cento e debuxa ademais un escenario de inserción laboral con indicadores de calidade. O 83 por cento das persoas ocupadas desempeña un posto acorde ao seu nivel de formación, mentres que o 60 por cento conta cun contrato indefinido. A iso súmase un nivel medio de satisfacción co emprego acadado de 8,09 puntos sobre 10.
O informe tamén recolle que o 34,8 por cento das persoas ocupadas percibe máis de 1.500 euros netos mensuais nese primeiro ano despois da titulación, un dato que reforza a idea dunha incorporación ao mercado laboral con condicións estables para unha parte importante do alumnado egresado.
No caso dos estudos de mestrado, o comportamento tamén se mantén en niveis altos. O 85,5 por cento das persoas tituladas incorporouse ao mercado laboral un ano despois do egreso e, entre quen deu ese paso, o 91,1 por cento atopou emprego, o que deixa a taxa de paro no 8,9 por cento. A adecuación entre formación e posto de traballo é incluso algo maior que nos estudos de grao, ao alcanzar o 84 por cento.
Desde a UDC subliñan que estes datos avalan o traballo realizado nos últimos anos para mellorar a empregabilidade do estudantado e reforzar a ponte entre a formación universitaria e o mercado laboral. O Observatorio Ocupacional, dependente da área de Emprego da universidade, é precisamente a unidade encargada de analizar a inserción laboral das persoas tituladas e de ofrecer información útil para orientar as políticas universitarias neste ámbito.