Novas poboacións de plantas ameazadas no río Barcés reforzan a petición de ampliar a protección da contorna

ACoruñaXa
Un estudo da Universidade da Coruña detecta especies raras e en perigo na conca do Barcés e propón estender a Zona de Especial Conservación no encoro de Abegondo-Cecebre pola súa alta importancia ecolóxica
A CORUÑA contorna rio
Allium ursinum
28 Oct 2025

Un equipo investigador da Universidade da Coruña (UDC) identificou novas poboacións de plantas ameazadas na conca do río Barcés (A Coruña), o que confirma o alto valor ecolóxico desta zona. Os resultados, publicados na revista Nova Acta Científica Compostelana, avalan a proposta de ampliar a área protexida da Rede Natura 2000 asociada ao encoro de Cecebre.

O estudo, titulado “Flora de interese da conca do río Barcés (A Coruña)”, foi realizado por Eva Martínez Veiga, Iván Rodríguez Buján e Jaime Fagúndez, baixo a dirección dos profesores María José Servia e Jaime Fagúndez. A investigación forma parte dun proxecto sobre o bosque de ribeira do Barcés promovido e financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible.

Durante as prospeccións localizáronse 18 especies raras ou ameazadas, a maioría ligadas a ecosistemas fluviais. Entre elas destacan catro incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, como os fentos Dryopteris guanchica e Vandeboschia speciosa. Ademais, documentouse unha novidade para a Península Ibérica: Silene × hampeana, un híbrido natural de S. dioica e S. latifolia.

O traballo tamén sinala a presenza de especies propias de bosques caducifolios en bo estado de conservación, como Ornithogalum pyrenaicum, Sanicula europaea ou Allium ursinum, e outras asociadas a solos pouco comúns, como Helleborus foetidus. Nos prados húmidos das ribeiras identificouse Alopecurus pratensis, unha especie non rexistrada ata agora na provincia da Coruña.

Os investigadores subliñan que estes achados evidencian a necesidade de conservar a vexetación de ribeira do Barcés, tanto polo seu papel como hábitat de especies ameazadas como pola súa función esencial na calidade da auga. Por iso, propoñen ampliar a Zona de Especial Conservación (ZEC) Encoro de Abegondo-Cecebre, garantindo a protección efectiva dun espazo natural clave para a biodiversidade galega.

⚙ Configurar cookies
0.075289011001587