Nova protesta en Perillo pola falta de profesorado no CEIP Valle Inclán

ACoruñaXa
A ANPA convocou unha andaina desde Santa Cristina ata o colexio para esixir máis docentes de apoio e atención á inclusión e durante a semana seguiran as protestas diante do centro
OLEIROS manifa ceip valle inclan
13 Oct 2025

A Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Valle Inclán de Perillo convocou unha andaina reivindicativa que partirá do monumento aos avós, no parque José Martí (Santa Cristina), ata as instalacións do colexio. A marcha busca visibilizar a “falta de profesorado” que, segundo as familias, está a minguar a calidade docente e a atención aos nenos e nenas con necesidades educativas especiais.

As familias reclaman, en concreto, a contratación urxente de docentes de apoio que cubran as carencias detectadas no centro: denuncian a ausencia dun ou dous mestres de reforzo e a falta de especialistas que deixan sen recursos proxectos como a horta escolar ou a biblioteca, ademais de provocar aulas máis masificadas do que esixe a normativa. A ANPA asegura que esas faltas obrigaron nalgúns casos a reducir horarios lectivos ou a sacar ao alumnado ao patio cando non hai profesorado dispoñible.

O Concello de Oleiros expresou publicamente o seu apoio ás reivindicacións das nais e pais e alentou á participación na andaina, subliñando o compromiso municipal coa defensa dun ensino público e de calidade. Tamén o BNG local anunciou que levará a cuestión ao Parlamento galego para reclamar solucións e presión sobre a Consellería de Educación.

Desde a ANPA explican que as mobilizacións son o último recurso tras as peticións realizadas ante Inspección e a Consellería, das que, segundo as familias, non chegaron respostas suficientes. Por este motivo, A ANPA convoca, por terceiro luns consecutivo, unha nova concentración diante do colexio o luns 13 ás 15.45 horas coa idea de visibilizar a grave situación do centro e exigir unha educación inclusiva e de calidade.

⚙ Configurar cookies
0.071446895599365