Nova protesta da plantilla de Losán para esixir salarios e garantías de continuidade

A crise de Industrias Losán volve levar a plantilla á rúa. O comité de empresa anunciou unha nova mobilización para reclamar o pagamento das catro nóminas pendentes e demandar un compromiso real coa continuidade da actividade e do emprego. A protesta celebrarase o xoves 26 de febreiro ás 12.00 h diante das oficinas centrais do grupo na Coruña (rúa Casares Quiroga, 9).
A representación das persoas traballadoras denuncia que, malia as mobilizacións das últimas semanas, a dirección segue sen achegar datos concretos sobre como pensa saír da situación. O comité fala de información 'vaga e inconcreta' e de ausencia de garantías sobre o futuro das fábricas, ao tempo que chama á solidariedade social ao entender que o conflito 'supera o ámbito laboral' polo impacto que pode ter no rural e no tecido produtivo vencellado á madeira.
O caso chega nun momento clave: Losán continúa en preconcurso de acredores e a data do 29 de abril aparece marcada no calendario como límite para evitar unha entrada formal en concurso, segundo veñen advertindo os comités. A empresa trasladou a intención de presentar un plan en marzo, pero os representantes da plantilla reclaman medidas verificables e transparencia.
No plano institucional, o conflito tamén abriu unha fronte política. Nos últimos días, o Goberno central amosou disposición a implicarse para garantir a continuidade do grupo a través da SEPI, tras iniciativas debatidas no Congreso. Mentres tanto, en concellos como Curtis medra a preocupación polo efecto arrastre sobre empregos indirectos e empresas auxiliares.