Nós celebra o Magosto cunha xornada de festa, música e castañas

A localidade oleirense de Nós prepárase para celebrar o seu tradicional Magosto o vindeiro venres 8 de novembro na Praza da Liberdade. As actividades comezarán ás 17.30 horas cun obradoiro titulado Colares de Zonchos, pensado para o público familiar.
A partir das 18.30 horas, veciños e visitantes poderán gozar dunha degustación de produtos típicos desta época: castañas asadas, torresmos, chourizo, viño, chocolate e a tradicional queimada. A festa estará amenizada polos grupos Nós Canta, Eu que Sei e Rueiriños, que poñerán a nota musical á tarde.
O punto final chegará ás 20.00 horas coa actuación do DJ Casanova, que converterá a praza nun espazo de baile e diversión. Ademais, haberá sorteos e castañas asadas de balde para as persoas socias ao corrente de pagamento.
O evento está organizado pola Asociación Veciñal Os Rueiros, coa colaboración do Concello de Oleiros e a Deputación da Coruña. A organización anima a asistir disfrazado polo Samaín para dar un toque máis festivo á xornada.