Nin Rodas nin as Catedrais estas son as cinco praias da Coruña que debes visitar este verán
Miriam García
Deixando de lado as coñecidísimas praias de Rodas nas Illas Cíes, As Catedrais en Ribadeo, a praia do Vilar nas Dunas de Corrubedo e a de Boca do Río en Carnota, Galicia agocha numerosos areais paradisíacos. Desde ACoruñaXa, invitámosvos a descubrir cinco praias únicas da provincia da Coruña que non vos podedes perder este verán. Prepara o teu traxe de baño e acompáñanos nesta viaxe polas mellores praias descoñecidas da Coruña.
Praia de Langosteira (Fisterra)
Un pequeno paraíso formado por un areal de 2 quilómetros de longo situado no pobo mariñeiro de Fisterra, moi preto do cabo Fisterra, coñecido polos antigos romanos como a fin do mundo.
Caracterízase pola súa area branca e moi fina, ademais das súas augas de cor turquesa e case transparentes, que ben poderían pertencer a calquera praia do sueste asiático ou do Caribe. Debido á súa localización, a praia de Langosteira atópase lonxe dos fortes ventos e das ondas típicas das praias de mar aberto desta zona costeira, o que fai que, ao contrario doutras praias próximas, as súas augas, aínda que frías, sexan bastante tranquilas e ideais para ir con cativos.
Conta cun paseo marítimo que percorre a praia de punta a punta, rodeado de natureza, dunas e piñeirais. Ademais, ten numerosos chiringuitos e restaurantes ao seu redor onde poder degustar fantásticos pratos de marisco e peixe.
Praia de Perbes (Miño)
Esta praia está situada ao norte do concello de Miño, na parroquia de Perbes. Xunto coa Praia Grande de Miño, é unha das máis emblemáticas do municipio. Situada a 30 quilómetros da cidade da Coruña, conta cun areal de area dourada e augas tranquilas, polo que é ideal para ir con cativos.
Nela, a auga do mar conflúe coa da desembocadura do río Baxoi. Tamén, fronte a ela e a pouca distancia, atópanse as illas do Carbón, que protexen a costa da oleaxe que chega da ría de Ares.
Loce a bandeira azul desde o ano 2021 pola calidade das súas augas e a excelencia dos seus servizos. Ademais, conta cun chiringuito a pé de praia.
Praia de Gures (Cee)
A praia de Gures, situada na parroquia de Ameixenda en Cee, é sen dúbida o Caribe galego e unha das máis espectaculares da Costa da Morte. O acceso é un pouco complicado, pois hai que baixar por un camiño de terra (uns 3 minutos de baixada) que remata nunhas rochas desde as cales se pode acceder á praia.
Unha vez sobre a súa area branca e fina, a súa beleza compensa o esforzo de chegar ata ela. É unha praia virxe con area fina e augas tranquilas, cunha lonxitude duns 350 metros e 25 metros de ancho. Gures, pola súa situación, é un lugar ideal para os días ventosos, tan comúns na Costa da Morte. Debido á súa ubicación, non conta con chiringuito a pé de praia.
Desde a praia de Gures, podemos observar o cabo de Fisterra, o Monte Pindo e as Illas Lobeiras, engadindo máis encanto a esta xoia natural.
Praia de Morazón (Sada)
Se o teu é fuxir das aglomeracións de xente, a túa praia é a de Morazón en Sada. Rodeada dun precioso piñeiral de fondo, é un pequeno areal semiurbano con augas cristalinas, situado moi preto do porto pesqueiro de Sada, no barrio mariñeiro de Fontán. É ideal para escapar da masificación da súa veciña, a praia de Gandarío.
Debido ás súas condicións con pouca oleaxe, é unha boa opción para practicar deportes acuáticos como o snorkel. Conta cunhas escaleiras para acceder a ela e ten unha lonxitude de 140 metros. Non ten chiringuito, pero a 5 minutos andando atópase o porto de Sada, que conta cunha ampla oferta de bares e restaurantes.
Praia de Santa Comba (Ferrol)
A praia de Santa Comba é unha das máis fermosas de Ferrol para visitar e practicar deportes náuticos como o surf. Conta con 1400 metros de area branca e fina, rodeada de fermosos cantís, e cunha illa que no seu corazón alberga unha ermida, o que converte o lugar nun espazo único. Cando a marea está baixa, pódese acceder a unhas escaleiras de madeira que levan ata a ermida na illa.
Sen dúbida, Santa Comba é un dos principais atractivos turísticos da zona, un lugar de parada obrigada se viaxas pola costa galega.
En canto ás condicións para surfear, Santa Comba é un areal irregular en comparación con outras praias da zona. Debido á súa forte oleaxe, non é unha das mellores praias para acudir con nenos. Conta con servizo de socorrismo e aparcamento gratuíto.