Nin a choiva puido co Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo de Cambre

Nin sequera a previsión de chuvia puido frear o entusiasmo polo Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo de Cambre. Trátase dunha das citas carnavaleiras con máis tradición dentro da comarca, algo que se fixo notar esta tarde na capital municipal. Un dos pratos fortes da xornada foi o desfile de disfraces, carrozas e comparsas, onde a orixinalidade foi a gran protagonista.
Moteiros, roqueiros, personaxes de clásicos como "A Bela e a Besta" ou "Aladdín" pasearon pola capital municipal ante a mirada de centos de espectadores. Tamén fixeron acto de presenza viquingos, vaqueiros e shérifs do lonxano oeste e ata algún astronauta.
O evento incluíu a entrega de premios do concurso de disfraces, carrozas e comparsas, ademais de actuacións musicais a cargo de Los Sobraos e a orquestra Fania Blanco Show.
Enterro da Sardiña
O Concello de Cambre despedirá este domingo 9 de marzo, o seu programa de Entroido co tradicional Enterro da Sardiña, no que se dará eterna sepultura ao Choqueiro. O velorio terá lugar no Campo da Feira. Ao remate, o moneco será depositado nun carro para levalo ata os Muíños de Norgasa, onde será lanzado ao río.
O Choqueiro (tamén coñecido como Meco) é un personaxe asociado a desviacións morais e ao que se lle atribuían cualificativos como lacazán ou lambón. De feito, é ben sabido que a súa maior debilidade é a comida e mais os cartos.