Naturgy comprométese co Concello de Oleiros a desbloquear a obra da avenida de Santa Cristina

A mobilización veciñal e a presión exercida polo Goberno municipal de Oleiros deron resultado. Tras a concentración celebrada esta mañá en Santa Cristina e outras xestións paralelas levadas a cabo polo Concello, a empresa Naturgy comprometeuse a desbloquear de inmediato as actuacións pendentes na avenida de Santa Cristina, un dos últimos escollos para finalizar a obra de mellora da zona.
En concreto, segundo di o Concello de Oleiros, Naturgy abordará a retirada de postes e a instalación das arquetas necesarias, tarefas que estaban a frear a conclusión do proxecto. Para organizar estes traballos, Concello e empresa manterán unha reunión este mesmo luns, co obxectivo de poñelos en marcha canto antes.
Desde o Goberno local amósanse satisfeitos co compromiso adquirido e confían en que, con esta intervención, a obra poida estar finalizada antes do verán, tal e como estaba previsto inicialmente. A actuación é considerada estratéxica para a mellora da mobilidade e a calidade urbana dun dos principais accesos ao núcleo urbano de Oleiros.