Natureza, auga e aventura para a rapazada no campamento de Semana Santa

ACoruñaXa
Arteixo abre a inscrición para unha nova edición de 'SUMAXOGO 2026', unha proposta dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos que se desenvolverá entre finais de marzo e comezos de abril
ARTEIXO campamento semana santa
9 Mar 2026

A conciliación familiar volverá ter este ano en Arteixo unha nova alternativa durante as vacacións escolares de Semana Santa coa posta en marcha de 'SUMAXOGO 2026', un campamento pensado para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos no que a natureza, o xogo e a aprendizaxe práctica serán os eixos centrais da programación.

A actividade celebrarase os días 30 e 31 de marzo, así como o 1 e o 6 de abril, en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas. As propostas desenvolveranse en Monticaño e no museo MAHI, dous espazos que servirán de escenario para unha programación que combina lecer, educación ambiental e actividades culturais.

Segundo avanzou o Concello de Arteixo, os participantes poderán tomar parte en xogos con auga, propostas vinculadas á horta ecolóxica, obradoiros creativos, buscas do tesouro, visitas ao museo e un laboratorio de campo orientado a espertar a curiosidade dos máis pequenos.

A inscrición inclúe a merenda e tamén existe a posibilidade de solicitar servizo de autobús. Ademais, establécense tarifas reducidas para persoas empadroadas en Arteixo e para abonados de Sumarte, xunto con descontos especiais para o segundo fillo e gratuidade no caso do terceiro.

As prazas estarán limitadas a un máximo de 20 participantes por quenda, polo que a adxudicación realizarase por estrita orde de solicitude. A información detallada e o proceso de inscrición poden consultarse a través da web de Sumarte e dos canais habilitados pola organización.

0.11703300476074