Natividade González reivindica en Mariñán o papel das bibliotecas como 'faros culturais' da provincia

ACoruñaXa
O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleu a primeira Xornada das Bibliotecas da Deputación, un foro para reforzar a colaboración entre municipios e afondar na rede bibliotecaria provincial
DEPUTACIÓN mariñan libros
22 Nov 2025

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, converteuse este venres no punto de encontro do sector bibliotecario coa celebración da I Xornada das Bibliotecas da Provincia da Coruña, promovida pola Deputación. A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o acto de apertura e deu a benvida ás persoas participantes nun foro que reuniu profesionais de toda a provincia co obxectivo de debater, compartir experiencias e avanzar na consolidación da rede bibliotecaria.

Na súa intervención, González explicou que esta cita nace para 'recoñecer o esforzo diario das bibliotecas, darlle visibilidade e crear un espazo de encontro no que compartir experiencias, desafíos e ilusións'. A responsable provincial de Cultura incidiu en que a intención é 'reforzar unha rede que xa é forte, pero que queremos seguir ampliando e cohesionando', especialmente a través da colaboración entre concellos.

A deputada agradeceu 'de corazón' a implicación e a vocación de servizo dos equipos bibliotecarios municipais, aos que definiu como 'faros culturais, espazos de acollida e auténticos puntos de apoio para a cidadanía'. Quixo ter tamén unha mención especial para a Biblioteca Provincial da Deputación, 'que exerce de anfitrioa e motor desta iniciativa', pola súa traxectoria como servizo de referencia no conxunto da provincia.

González fixo fincapé na variedade de contidos da xornada, que combina mesas arredor da realidade das bibliotecas municipais con espazos dedicados á creación literaria e á súa relación coas bibliotecas, co propósito de poñer en valor 'a diversidade e a riqueza do ecosistema bibliotecario da Coruña'.

A responsable de Cultura salientou tamén a mirada cara ao futuro do encontro, cun bloque dedicado aos retos actuais da formación no ámbito da documentación e a adaptación ás novas tecnoloxías. 'Falamos dun futuro que xa está aquí e que afrontades con valentía, preparación e compromiso', indicou dirixíndose ao persoal bibliotecario.

O programa inclúe ademais unha mesa redonda con profesionais de diferentes concellos, concibida como un espazo no que 'nos recoñecemos todas e todos: no esforzo cotián, na creatividade para ofrecer servizos, na importancia da proximidade e na capacidade de xerar comunidade desde cada concello, grande ou pequeno'.

González destacou o traballo colaborativo previsto nas mesas de debate e nos grupos de reflexión, convencida de que permitirán compartir 'ideas, necesidades e propostas útiles para seguir medrando como unha rede provincial sólida, aberta e cooperativa'. A xornada completase cun percorrido polo Pazo de Mariñán e os seus xardíns históricos, que a deputada definiu como 'unha maneira simbólica de unir cultura, territorio e identidade' no corazón de Bergondo.

⚙ Configurar cookies
0.071534872055054