Natividade González anuncia a renovación do convenio á Real Academia Galega de Belas Artes

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, visitou a Real Academia Galega de Belas Artes, onde foi recibida polo presidente Manuel Quintana Martelo e o secretario Felipe Senén López, xunto cos académicos Xurxo Lobato e Xosé Manuel Casabella. Esta visita enmárcase no convenio anual mediante o que a Deputación achega 20.000 euros para financiar actividades culturais, entre elas o ciclo ‘Martes das Artes’.
Durante a xuntanza, Natividade González anunciou a súa intención de renovar o acordo para continuar apoiando parte da programación cultural da Academia, que ten como finalidade promover a cultura e o patrimonio galego entre a cidadanía. A deputada destacou o labor “incansable” da Academia na defensa, estudo e promoción das artes e do patrimonio cultural do país.
“Para a Deputación é unha honra colaborar cunha institución que non só é un espazo de pensamento e investigación, senón tamén un axente activo que impulsa proxectos, difunde coñecemento e garante que o noso patrimonio —material e inmaterial— non quede no esquecemento, senón que viva, respire e dialogue co presente”, subliñou González. Engadiu que “a cultura é un dereito e unha ferramenta poderosa para construír futuro. E sen institucións como esta, esa tarefa sería moito máis difícil”.
O ciclo ‘Martes das Artes’ inclúe faladoiros, conferencias, proxeccións de cine e presentacións de libros, actividades que o ano pasado se celebraron cada martes na sede da Real Academia na Coruña ou en outras localizacións da provincia cedidas para este fin. Todas as actividades foron gratuítas e tiñan como obxectivo contribuír á difusión da cultura e do patrimonio galego.