Nais e pais do alumnado do CEIP de Galán denuncian a insuficiencia de prazas no comedor escolar

ACoruñaXa
Realizaron unha recollida de máis de 2.500 sinaturas e demandan solucións ás administracións competentes
pais-nais-arteixo
15 Apr 2025

Nais e pais de alumnado afectado pola insuficiencia de prazas no comedor escolar do CEIP de Galán para o vindeiro curso presentan unha recollida de máis de 2.500 sinaturas. Trasladan que xa foron entregadas no Concello de Arteixo á atención da Concelleira de Educación. Demándanlle solucións ante a grave situación que de non solucionarse, indican, causaría graves problemas e prexuízos tanto ao alumnado como ás familias.

“As Nais e pais de alumnos e alumnas que solicitamos a admisión dos nosos fillos e fillas para o próximo curso escolar 2025-2026 no CEIP de Galán, fomos informados pola dirección do centro da problemática que existe en relación coa insuficiencia de prazas no comedor escolar para o vindeiro curso, xa que existe maior demanda que prazas dispoñibles” apuntan nais e pais do alumnado afectado.

Ante a situación levaron a cabo unha recollida de sinaturas que “tivo moi boa resposta por parte da veciñanza de Arteixo”, a quen agradecen o apoio. Así, agardan que a concelleira de Educación se reúna coa dirección do CEIP de Galán para abordar a problemática e buscar solucións conxuntamente coa Xunta de Galicia-que neste caso é a administración
responsable da xestión do comedor neste centro escolar- antes do período de formalización de matriculas para o vindeiro curso escolar.

Reivindican tamén que o Concello de Arteixo convoque a unha reunión ás nais e pais dos alumnos admitidos no CEIP de Galán para o próximo curso 2025-2026, en aras de buscar solucións á citada situación e de informar as familias afectadas.  “Se as administracións competentes non buscan solución a esta problemática, a situación de que alumnos e alumnas quedasen sen praza no comedor causaría graves problemas e prexuízos tanto aos alumnos como ás familias, xa que afectaría gravemente á calidade de vida dos/as nenos/as e tamén á conciliación familiar” matizan.

⚙ Configurar cookies
0.15700006484985