Nace o festival de música contemporánea galega ‘Aquí tamén se fala’
O IES Rafael Dieste acolleu este venres a presentación do cartel do primeiro festival de música en galego ‘Aquí Tamén Se Fala’, que, co apoio da Deputación, celebrarase o venres 7 de xuño, desde as 17 horas, na praza da Tolerancia, na Coruña, onde subirán ao escenario as bandas Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira.
No acto de presentación participou a deputada de Lingua, Soledad Agra, a quen acompañaron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción do Concello da Coruña; Juan Granados, inspector de Educación; Arcadio González e Alberto Pombo, coordinadores do festival; Nuno Pico, cantante de Grande Amore, e May, cantante de Leria.
“Traballar activamente en favor da normalización social da lingua galega”, dixo Agra, “é unha das tarefas que as administracións públicas deben atender de forma obrigada, e polo tanto iso é o que queremos facer, pero ás veces, desde as institucións non damos chegado a ter un impacto tan grande como o que demostrastes vós con esta campaña: un equipo de normalización lingüística dun só centro educativo conseguiu máis repercusión social do que ás veces nós con campañas con moita máis dotación técnica e económica”.
Durante a súa intervención, a deputada puxo en valor a campaña da que naceu o festival “para romper mitos, para acabar cos estereotipos e os prexuízos”. “Estamos fartas de escoitar que o galego non ten futuro, que xa ninguén o fala, que non vale para nada, que si falas galego é cousa da aldea ou de ideoloxía política, pero coa vosa iniciativa e co festival demostrades que o falamos na rúa, na escola, nas empresas, na política, na cultura, na música e na ciencia, porque temos unha lingua viva e rica”.
O festival constitúe o colofón a unha iniciativa cultural sen precedentes na historia da dinamización lingüística do país á que se sumaron máis de 200 centros educativos de todos os niveis de ensino, clubs deportivos profesionais de primeiro nivel, referentes do mundo cultural e máis de 25.000 rapaces traballando de forma activa.
“A Coruña ten e sempre tivo un forte vínculo coa lingua galega, que seguimos impulsando desde o Concello na súa vertente musical con iniciativas coma esta ou a celebración de grandes eventos como o concerto no Coliseum de Tanxugueiras”, indicou Gonzalo Castro. O edil celebrou que esta iniciativa partise da comunidade educativa da cidade e especialmente do IES Rafael Dieste, que xa conseguiu vincular a 200 centros de toda a comunidade. “Hoxe ese proxecto, que naceu nesta cidade, non só chega a 50.000 alumnos de centros educativos de toda Galicia, senón que tamén se suman grandes clubes deportivos, asociacións, entidades empresariais...Unha vez máis, como aconteceu no seu día co nacemento das Irmandades da Fala, A Coruña é berce de iniciativas únicas para a defensa e a promoción da nosa lingua”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción do Concello da Coruña.
Organizado polo IES Rafael Dieste coruñés supón un fito histórico pois representa a materialización dun festival de música profesional promovido desde un centro de ensino. Programado pola mocidade e para a mocidade baixo coordinación de Arcadio González e Alberto Pombo, promotores da iniciativa cultural ‘Aquí tamén se fala galego’.
“O festival, gratuíto, aberto a toda a mocidade e cidadanía, queda constituído na súa primeira edición por bandas do máis alto nivel da escena galega: Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, e dá continuidade ao traballo desenvolvido por “Aquí tamén se fala” no campo audiovisual que se divulga nas redes sociais de Instagram, Tiktok e Youtube baixo o cancelo #AquíTaménSeFala”, sinalaron os responsables da organización.