Música en Santa Emilia

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
5 Oct 2025

Por Julia M.ª Dopico Vale y Piñeiro.

As portas do pazo indiano do século XX coñecido como “Santa Emilia” abríronse o 27 de setembro para dar paso á música, que xa forma parte da súa identidade.

Nesta ocasión foi da man da estupenda soprano madrileña Laura Pulido e do pianista Iulian Abagio, ambos de gran sensibilidade, coidada posta en escena e elevado nivel artístico, algo que se fixo patente tanto na interpretación como na escolla do programa, que incluíu fragmentos de zarzuela e pezas da canción española, entre elas as Sete cancións populares de Manuel de Falla e outras “delicias” musicais como as que noutro tempo interpretaron Federico García Lorca e La Argentinita: Las morillas de Jaén, facendo vibrar o Salón dos Pilares do pazo, presidido polo piano de cola que é protagonista de moitos dos encontros musicais que alí teñen lugar desde que os seus actuais propietarios, Juan Rezzuto e Víctor Gómez, tamén directores da Escola WKMT con sede en Londres, decidiron restaurar o fermoso edificio.

As orixes deste pazo asócianse con Manuel López Rivas, emigrante en Bos Aires que, ao seu regreso, deixou a pegada arquitectónica da súa experiencia americana, como tantos outros galegos que partiron da terra fonda na procura de fortuna ou que se viron obrigados a marchar por outras razóns.

Un sentimento que xa expresou Rosalía de Castro nos seus versos:
“Este vaise i aquel vaise, i todos, todos se van / Galicia sen homes quedas que te poidan traballar / Tes en troques, orfos e orfas, i campos de soidade…”

Moitos non regresaron, outros non tiveron sorte e algúns fixeron fortuna, como foi o caso de López Rivas, que reproduciu o que os seus ollos un día contemplaron naqueles “anos dourados”, iluminados, como a poesía de Noriega, Pulpeiro ou Cunqueiro, este último presente xunto a Julia Pucci na vida literaria de Santa Emilia naqueles tempos.

A música incorpórase agora á historia, á elegancia e á paisaxe deste entorno misterioso e máxico, converténdose nunha parte esencial do seu espírito.

⚙ Configurar cookies
0.09282398223877