Música, baile e familia: o legado vivo da Asociación Cultural O Castro

Por Amanda Fernández
A Asociación Cultural Recreativa e Deportiva O Castro é hoxe un referente da tradición galega no municipio de Miño. Son máis de 130 persoas as persoas que participan semanalmente nas actividades da asociación. Falamos coa súa presidenta Laura Montero Ponte para coñecer máis de preto a entidade e descubrir próximos retos.
Cando e como nace a asociación?
A asociación cultural O Castro nace no ano 1981 polo interese dun grupo de pais de que houbera en Miño algunha actividade cultural que neses momentos non había. Xorde así a iniciativa do grupo de baile, despois sumaríase a actividade de gaita e máis tarde, no 1989, o primeiro grupo de cantareiras e pandereteiras.
No ano 1989 dende a directiva da asociación promovese a formación dunha coral polifónica que comeza a desenvolver a súa actividade ate estes días e no 1990 tamén se incorpora á asociación unha rondalla, que era a rondalla de Miño, que se formara no ano 1973. Entón ante a desaparición da rondalla, a asociación
O Castro integra esta rondalla na asociación e na actualidade son as actividades que tempos: grupos de baile dende os tres anos ata adultos, grupo de pandereiteiras e cantareiras, grupo de gaitas, rondalla e coral polifónica.
Todo se vai moito ao eido cultural, no ámbito deportivo tedes algunha actividade?
Actualmente non temos nada deportivo, aínda que nos seus inicios houbo ximnasia de mantemento ou judo con moita formación e unha sección de baloncesto. Porén, agora mesmo deportivo non temos nada.
Como valoran a evolución da asociación dende a súa fundación ata hoxe?
Neste momento moi positiva porque temos moitos integrantes en todos os grupos. De feito vimos de celebrar o Festival de Música e Danza Tradicional José Juan García, que xa é a edición 23. Somos case 100 persoas no escenario, desde os pequenos de tres anos de baile e pandeireta ata o grupo de mozos e mozas e adultos. Estaba cheo de xente, colocamos 200 cadeiras e estaban cheas máis as gradas. Destacar a implicación das familias, para nós foi un día grande e quedamos moi satisfeitas.
Dende hai tres anos hai grupo de cantareiras adultas maiores, mulleres que quixeron aprendera a tocar e cantar, e está moi activo ese grupo. Tamén dende o curso pasado un grupo de baile tradicional de iniciación de adultos, moita xente que comezou a bailar de cero ou retomar o baile que aprenderon no seu día.
As formacións de rondalla e coral, seguen con moita actividade, ensaiando todo o inverno e xa no verán con diversos concertos, amenizando misas e demais compromisos.
Penso que mantivemos o número de compoñentes nas actividades porque na pandemia paramos o mínimo, organizámonos con esforzo, dividindo grupos e así non se parou a actividade bruscamente nin moito tempo. Penso que isto deu os seus froitos cos números de xente nas actividades que temos hoxe. No noso local propio temos 130 persoas á semana nas actividades.

Que actividades desenvolve a asociación? Dirían que algunha destaca sobre outras no que atinxe a demanda ou maior auxe?
Hai moita demanda nos grupos infantiles e de adultos nos grupos tradicionais, adultos en cantareiras e baile tradicional. A demanda tamén é notable en rondalla onde temos un grupo sénior, de xente adulta que aprendeu a tocar a guitarra, a bandurria e o laude. Damos clases de rondalla co grupo sénior, infantil e o grupo principal rondalla O Castro; coral polifónica; e grupos de pandereteiras e cantareiras, dende os tres anos ata a idade das avoas tocando e cantando; grupos de baile tradicional desde os tres anos a adultos; e o grupo de iniciación e o grupo principal de gaitas.
Así, temos cinco seccións de baile; cinco de pandeireta; dúas de gaita; de rondalla, tres; e a coral polifónica que é única.
É o Concello de Miño un lugar prolífero para unha actividade coma a desta asociación?
Si, dende o comezo a asociación O Castro estivo sempre implicada no tecido asociativo e na dinámica cultural do Concello. De feito participamos noutras actividades como, por exemplo, a Cabalgata de Reis. Todo o séquito infantil participa, temos todas as indumentarias para os nenos e paxes, participamos activamente. Participamos tamén agora nas festas de San Pedro coa alborada, cantamos a misa de San Pedro de forma altruísta, participamos coa Confraría de pescadores no dia do Carme cantando na procesión, no Nadal cantando o aguinaldo polas rúas de Miño...Estamos moi activos en diversas actividades do Concello.
Tamén facemos un concerto musico-social en Santa Cecilia traendo agrupacións da contorna ou de fóra, con intercambio con outros grupos, corais polifónicas ou rondallas. Na historia do Castro percorremos case toda a península, España e Portugal, realizando intercambios culturais con outras agrupacións. Agora parouse a dinámica de viaxes, logo da pandemia, e porque temos moitos gastos de persoal, local... As subvencións moitas veces van a menos e non temos a liberdade ou a bonanza económica para poder movernos como faciamos antes.
Esta asociación organizou durante moitos anos as festas de San Pedro como comisión, a Cabalgata de Reis, moitos entroidos con bailes e desfiles,... Somos unha sociación que se move bastante e contribuímos con outras asociacións e o concello a ter actividades. Así, consideramos que é un concello prolífero para estas dinámicas, hai bo entendemento e colaboran con nós e nós con eles.

Cales son os próximos retos a curto prazo ou soño por cumprir?
Neste momento que, estamos de doce, continuar coas actividades e conseguir cubrir a gran demanda que temos e que non baixe a participación. Por suposto, seguir coa calidade das actividades, que penso que é moi boa, polos directores e mestres que temos en cada agrupación. Contribuír ao fomento da cultura e da música en pequenos e maiores a grandes trazos. O obxectivo? Poder movernos fóra da comarca, poder retomar os intercambios culturais que tiñamos con outras agrupacións culturais de fóra de Galicia.
Que significa para vós O Castro?
O Castro significa raíz, cultura, música e familia.