Mudhoney protagonizará o concerto de presentación do festival Noites do Porto na Coruña

ACoruñaXa
Os estadounidenses lideran o inicio de Noites do Porto 2024 con un único concerto en Galicia, acompañados por Thee Eliam, e coas entradas a piques de esgotarse
Imaxe de Mudhoney
29 Ago 2024

O festival Noites do Porto arranca este ano cun evento moi especial. O lendario grupo estadounidense Mudhoney ofrecerá o seu único concerto en Galicia o vindeiro sábado 7 de setembro, nunha actuación que terá lugar na sala Inn Club de A Coruña. Este cambio de localización foi acordado coa banda para asegurar a mellor calidade no espectáculo. As entradas xa adquiridas polo público seguirán sendo válidas, e aínda é posible facerse con algún dos últimos tickets dispoñibles en Ataquilla.com e Ticketmaster.

Mudhoney, que forma parte da historia do grunge e do rock alternativo dos anos 90, estará acompañado pola banda donostiarra Thee Eliam, que abrirá a noite no que promete ser un dos concertos máis destacados do festival. A banda de Seattle presentará en directo o seu último álbum, 'Plastic Eternity', dentro da súa xira mundial.

Noites de Flamenco e Jazz esgota entradas para Rocío Luna e case fai o mesmo co dúo Bzhezhinska-Kofi

A nova cápsula do festival, ‘Noites de Flamenco e Jazz’, tamén está a ter unha gran acollida. Tralo éxito de vendas para os dous concertos de Rocío Luna, que colgaron o cartel de "sold out", só quedan dispoñibles as últimas entradas para o concerto do 23 de setembro no Jazz Filloa. Alí, o dúo formado pola arpista ucraína Alina Bzhezhinska e o saxofonista británico Tony Kofi presentarán en exclusiva o seu álbum 'Altera Vita', nunha homenaxe ao gran Pharoah Sanders e á tradición do Jazz Astral.

Noites do Porto, organizado por MASGALICIA e con apoio de diversas institucións como a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebrará a súa cuarta edición do 23 ao 29 de setembro. Ademais de Mudhoney e Thee Eliam, o festival contará con actuacións de artistas como Baiuca, Delaossa, Bala, Carlangas e Los Cubatas, entre outros. O venres 6 de setembro darase a coñecer o cartel completo, con todas as actividades previstas tanto no Muelle de Batería como nas diferentes salas e locais da cidade. Toda a información está dispoñible na páxina web oficial do evento

0.1954550743103