Mozas e mozos de diferentes puntos de España colaboran na protección do Monte da Espenuca

O Monte da Espenuca foi escenario este verán da novena edición do campo de voluntariado ambiental, unha proposta que reuniu a participantes chegados de distintos lugares de España. O proxecto, que forma parte da programación de actividades de verán da Xunta de Galicia, contou coa colaboración do Concello de Coirós e da asociación Fragas do Mandeo, e ten como obxectivo principal a eliminación de especies exóticas invasoras.
O labor conxunto desenvolto nesta ocasión fixo posible retirar un total de 1.134 quilos destas plantas, presentes nas marxes do río Mandeo e noutros espazos naturais do municipio. Ademais da intervención directa sobre o terreo, a experiencia serviu tamén para concienciar á mocidade sobre a importancia de preservar a biodiversidade autóctona e impulsar valores de cooperación e respecto polo medio ambiente.