Mozas e mozos con Asperger comparten as súas vivencias na adolescencia nun acto

A Fundación María José Jove foi o escenario dunha xornada centrada en dar voz á mocidade con Síndrome de Asperger. Baixo o título 'POV: Adolescente e autista', o encontro reuniu representantes institucionais, familias e profesionais para escoitar en primeira persoa as experiencias e desafíos aos que se enfrontan adolescentes con Asperger. A actividade foi organizada por ASPERGA e a Federación Autismo Galicia con motivo do Día Internacional da Síndrome de Asperger.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou durante a súa intervención a relevancia de iniciativas coma esta para promover a inclusión. “Escoitar a voz das persoas con Asperger, aprender delas e comprender as súas vivencias é a única maneira de avanzar de verdade. Grazas por inspirarnos e lembrarnos que, antes que etiquetas, están as persoas”, afirmou. Formoso subliñou tamén a necesidade de reforzar ámbitos como a educación, a sanidade, o acceso ao emprego e as políticas sociais para garantir unha inclusión real, especialmente durante a adolescencia, “unha etapa de cambios e retos que pode ser especialmente complexa se o entorno non está preparado para respectar e apoiar a súa singularidade”.
O presidente da Deputación fixo un chamamento ás administracións para transformar “as boas intencións en feitos concretos”. “A inclusión non pode ser só unha idea, debe ser unha realidade que require recursos e vontade política. Sigamos traballando xuntos para derrubar prexuízos e crear un futuro máis xusto para todas e todos”, concluíu.
Pola súa banda, a presidenta de ASPERGA, Rita González, agradeceu “o compromiso e implicación” da Deputación da Coruña coa entidade, que se materializa nunha achega extraordinaria de 300.000 euros para a adquisición dun novo local na Avenida de Oza. “Este espazo permitirá mellorar e incrementar os servizos que prestamos ás máis de 500 persoas socias”, explicou.
Tanto ASPERGA como a Federación Autismo Galicia puxeron en valor a importancia de continuar traballando para eliminar barreiras e fomentar a inclusión das persoas con Asperger na sociedade.