Monticaño convértese en aula verde este outubro en Arteixo

ACoruñaXa
SUMARTE ofrece en Arteixo o curso de Agricultura Orgánica con Jairo Restrepo e un obradoiro de arranxos florais naturais con especies autóctonas
ARTEIXO cursos sumarte
18 Oct 2025

Arteixo consolidará a finais de outubro o Parque Forestal de Monticaño como punto de encontro para a formación ambiental. Por unha banda, o Espazo Municipal Ecolóxico acollerá do 23 ao 25 de outubro de 2025 o curso intensivo de Agricultura Orgánica impartido por Jairo Restrepo Rivera, referente internacional con máis de 35 anos de traxectoria. Por outra, o sábado 25 pola mañá celebrarase un obradoiro práctico de arranxos florais naturais, de nivel iniciación e con materiais incluídos, a cargo de Paula Roibal Rey.

O programa de Jairo Restrepo desenvolverase en horario de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 19.30, con prazas limitadas a 30 asistentes por orde de inscrición. O prezo xeral é de 210 euros, con tarifa bonificada de 105 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientela de SUMARTE e asimilados, e inclúe pausa-café. O curso afonda en como mellorar a fertilidade do chan, optimizar recursos locais, reducir a dependencia de insumos externos e gañar autonomía nas explotacións.

O sábado 25, de 10.00 a 14.00, desenvolverase o obradoiro de arranxos florais naturais no propio parque, orientado a afeccionadas e afeccionados á xardinaría: presentarase a orixe e conservación das flores que se empregarán — camelias, breixos, crisantemos, hortensias —, farase unha demostración de deseño floral paso a paso, explicarase o coidado do arranxo e cada participante levará o seu centro rematado. O custo é de 25 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientela de SUMARTE, biciArteixo e asimilados, e 35 euros para inscrición xeral. Información e reservas no correo cursoseme@sumarte.gal.

⚙ Configurar cookies
0.069586038589478