Monticaño acollerá un obradoiro para aprender a crear sebes vivas trenzadas con Salix

O Parque Municipal de Monticaño, en Pastoriza, será escenario o venres 13 de marzo dun taller de iniciación centrado na creación de sebes vivas trenzadas con vimbios de Salix, unha proposta pensada para persoas afeccionadas á xardinaría. A sesión desenvolverase de 16.00 a 20.00 horas e estará guiada por Rubén Escuredo, de Agroforesta.
Durante a formación abordaranse cuestións como o deseño da plantación, a colocación das varas, as técnicas de trenzado e anudado, así como o mantemento posterior da estrutura viva. O curso busca combinar o valor estético deste peche natural coa súa utilidade como refuxio para a biodiversidade e elemento de mellora do solo.
O obradoiro oferta 15 prazas por orde de inscrición, con prioridade para persoas empadroadas en Arteixo e clientes de Sumarte. O prezo é de 25 euros para estes colectivos e de 35 euros na tarifa xeral. As persoas asistentes deberán levar luvas e, en función do tempo, roupa de choiva.