Montegolf empeza a saír do abandono: Arteixo licita a reforma integral do complexo deportivo

ACoruñaXa
O proxecto, impulsado xunto cos concellos da Coruña e Culleredo e co apoio económico da Xunta, renovará piscinas, edificios e zonas exteriores nun enclave que leva dúas décadas sen uso
arteixo-montegolf
16 Feb 2026

O complexo deportivo de Montegolf, na contorna da Zapateira e no límite entre Arteixo, A Coruña e Culleredo, dá un paso decisivo para volver abrir as portas tras anos de deterioro, vandalismo e promesas incumpridas. O Concello de Arteixo vén de sacar a licitación as obras de rehabilitación e modernización das instalacións por 565.887,02 euros, cun prazo para presentar ofertas ata o 9 de marzo.

A actuación permitirá recuperar un espazo que naceu ligado á urbanización Montegolf a comezos dos anos 2000 e que nunca chegou a funcionar como se anunciara: piscinas, pistas deportivas e zonas verdes quedaron a medio camiño entre a crise inmobiliaria e unha maraña de cambios de mans e trámites. Veciñanza da zona leva anos denunciando o abandono e a falta de servizos asociados a un barrio ‘partido’ administrativamente entre tres municipios.

O proxecto abrangue intervencións en edificios, piscinas, pistas deportivas e no conxunto das zonas exteriores: novos accesos á piscina, arranxo de cubertas e muros de contención e a creación dunha gran área de lecer con vestiarios, salas polivalentes e espazos verdes. Ademais, substituiranse as pistas de pádel existentes por pistas multideporte para favorecer un uso máis versátil do recinto.

O investimento total ascende a 684.723,30 euros e conta cunha achega da Xunta de 342.361,65 euros a través do Fondo de Cooperación Local. A outra metade será asumida polos tres concellos, que veñen coordinándose para que o equipamento dea servizo á poboación dos tres termos municipais.

A rehabilitación tamén encaixa na liña autonómica de apoio a proxectos estratéxicos de infraestruturas municipais, na que a Xunta incluíu Montegolf dentro das actuacións de mellora de instalacións deportivas xa existentes.

⚙ Configurar cookies
0.0816490650177